Dicionario de termos
Última revisión 07/10/2022
Abstención.
Manifestación de vontade expresada nunha votación, a través da cal un parlamentario, sen desentenderse do asunto, decide non votar nin a favor nin en contra.
Acatamento da Constitución.
Promesa ou xuramento que deben realizar os parlamentarios de respectar e cumprir a Constitución. O acto de acatamento é condición ineludible esixida polos regulamentos das cámaras para poder adquirir plenamente a condición de parlamentario.
Acta.
Documento formal no que queda constancia da celebración da reunión dun órgano da Cámara, dos nomes dos asistentes e dos acordos alcanzados.
Alusións.
Quenda de intervención que poderá conceder o presidente da sesión a un parlamentario cando, no desenvolvemento dos debates, algún dos intervintes faga manifestacións que impliquen xuízos de valor ou inexactitudes sobre a persoa ou os actos deste parlamentario.
Apertura da sesión.
Acto do presidente, en Pleno ou en Comisión, por medio do cal se sinala que o órgano inicia a súa orde do día, de modo que todo aquilo que se faga, diga ou acorde terá constancia e validez xurídica.
Asemblea Parlamentaria da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).
Foro de cooperación interparlamentaria no que participan parlamentarios dos vinte e nove países membros da Alianza Atlántica, que se reúnen para debater e adoptar resolucións sobre asuntos relacionados coa defensa, seguridade e cooperación.
Asemblea Parlamentaria da Organización para a Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE).
Foro de cooperación interparlamentaria no que participan parlamentarios dos cincuenta e sete estados membros da OSCE, co obxecto de fortalecer a democracia, previr as crises e xestionar as consecuencias dos conflitos que se produzan na súa área a través do diálogo e a negociación. Participa activamente na supervisión de procesos electorais.
Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa.
Foro de cooperación interparlamentaria composto por parlamentarios dos corenta e sete estados membros do Consello de Europa, que se reúnen para debater e adoptar resolucións relativas, entre outras materias, a dereitos humanos e á democracia.
Asemblea Parlamentaria Euromediterránea (APEM).
Foro de cooperación interparlamentaria dirixido a fomentar o diálogo político entre os parlamentarios dos países mediterráneos e a asistir, impulsar e contribuír á consolidación e desenvolvemento do “Proceso de Barcelona”.
Asemblea parlamentaria internacional.
Foro de cooperación interparlamentaria formado por membros dos parlamentos nacionais, normalmente incardinado nunha organización internacional, que desenvolve labores de impulso político e de control dos seus órganos executivos.
(Véxase: “Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa”, “Asemblea Parlamentaria da Organización pola Seguridade e Cooperación en Europa (OSCE)”, “Asemblea Parlamentaria da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN)”, “Unión Interparlamentaria” e “Asemblea Parlamentaria Euromediterránea”).
Asentimento.
Forma de adoptar acordos nos órganos parlamentarios consistente no anuncio do acordo pola presidencia do órgano correspondente, sen que iso suscite reparo ou oposición por parte dos parlamentarios presentes.
Asignación constitucional.
Un dos conceptos retributivos que perciben os parlamentarios polo exercicio das súas funcións, e que se consigna nos orzamentos das cámaras.
Asociación de Senados Europeos.
Foro de cooperación interparlamentaria no que participan os presidentes dos senados dos estados de Europa. Os seus obxectivos son o desenvolvemento da cooperación entre os seus membros, a promoción do bicameralismo no marco das democracias parlamentarias e o fortalecemento da identidade e a conciencia europeas.
Autonomía parlamentaria.
Capacidade recoñecida ás cámaras pola Constitución española no seu artigo 72.1, para decidir por si mesmas as súas normas de funcionamento (autonomía normativa), o seu financiamento e os seus orzamentos (autonomía financeira), os seus órganos reitores e o seu aparato administrativo (autonomía organizativa e funcional).
Autorización de tratados internacionais.
Función atribuída pola Constitución ás Cortes Xerais na conclusión e denuncia dos tratados internacionais (artigos 93 e 94.1 da Constitución).
Banco azul.
Fila de escanos ocupados polo presidente e os demais membros do goberno no salón de sesións plenarias do Senado ou do Congreso dos Deputados.
Bicameralismo.
Modelo de organización do parlamento caracterizado pola existencia de dúas cámaras. Cando, como no caso español, as dúas cámaras teñen unha función ou un peso diferenciado fálase de bicameralismo asimétrico ou imperfecto.
Boletín Oficial das Cortes Xerais (BOCG).
Publicación oficial na que figuran iniciativas dos suxeitos parlamentarios (senadores, deputados, grupos parlamentarios) e decisións dos órganos parlamentarios (Pleno, comisións, Mesa, etc.), tanto de carácter parlamentario como administrativo. Existen tres seccións: Congreso dos Deputados, Senado e Cortes Xerais.
A sección do Senado estrutúrase en seis apartados: iniciativas lexislativas, mocións, autorizacións, outras actividades parlamentarias, normas sobre asuntos parlamentarios e Administración do Senado.
Chamada á cuestión.
Facultade do presidente da Cámara dirixida a manter a orde no debate, que lle permite solicitar ao parlamentario que se atope no uso da palabra que se cinga ao tema que se está a tratar, se considera que realiza digresións estrañas ao obxecto do debate ou se volve novamente sobre o xa discutido ou votado.
Chamada á orde.
Facultade do presidente da Cámara dirixida a manter a orde nas discusións e dirixir os debates cando un parlamentario profira palabras ofensivas ao decoro da Cámara ou dos seus membros, das institucións do Estado ou de calquera outra persoa ou entidade, ou cando con interrupcións ou de calquera outra forma altere o curso do debate. Despois de ter chamado por tres veces á orde a un parlamentario nunha mesma sesión, o presidente poderá impoñerlle, sen debate, a prohibición de asistir ao resto da mesma e incluso facela extensiva á sesión seguinte.
En caso de reincidencia ou de negativa a atender aos requirimentos de abandonar o salón de sesións, poderán adoptarse sancións máis graves, que poden chegar á suspensión no exercicio da función parlamentaria polo prazo máximo dun mes.
Circunscrición electoral.
División do territorio á que se atribúen un ou varios dos escanos a elixir. É un dos elementos esenciais do sistema electoral.
Comisión.
Órgano parlamentario funcional, composto por un número reducido de membros da Cámara en proporción ao peso numérico do seu grupo na mesma, competente para determinadas materias e que actúa en ocasións como órgano preparatorio da actividade do Pleno e noutros casos como órgano con competencias propias. Existen diversos tipos de comisións: permanentes (lexislativas e non lexislativas); de investigación, especiais, e comisións mixtas (Congreso dos Deputados-Senado).
Son competencias destacadas das comisións ditaminar textos lexislativos e celebrar sesións informativas con membros do Goberno, autoridades, funcionarios e outras personalidades, así como tramitar preguntas orais e mocións.
Comisión especial.
Comisión non lexislativa e non permanente que se crea co obxecto de estudar un asunto de interese público. Xeralmente o seu fin é concreto, desenvolve os seus traballos durante un prazo determinado e adoita concluír coa elaboración dun informe. No Senado a súa creación esixe acordo do Pleno, a proposta do Goberno ou de vinte e cinco senadores que non pertenzan ao mesmo grupo parlamentario.
Comisión de investigación.
Comisión que se crea co obxecto de investigar sobre calquera asunto de interese público. Regúlase no artigo 76 da Constitución e nos regulamentos das cámaras. As súas conclusións non serán vinculantes para os tribunais, nin afectarán ás resolucións xudiciais, sen prexuízo de que o resultado da investigación sexa comunicado ao Ministerio Fiscal para o exercicio, cando proceda, das accións que correspondan. Os cidadáns teñen a obriga imposta pola Constitución de comparecer ante elas se son convocados.
No Senado a súa creación esixe acordo do Pleno, a proposta do Goberno ou de vinte e cinco senadores que non pertenzan ao mesmo grupo parlamentario.
Comisión Mixta.
Comisión formada por deputados e senadores. Ademais daquelas que se acorde constituír como órganos de traballo conxunto de ambas cámaras, a Constitución española contempla a súa creación no artigo 74.2 para a resolución de determinados conflitos que se poidan producir entre o Congreso dos Deputados e o Senado, e no artigo 167 para resolver as discrepancias na reforma ordinaria da Constitución.
Comisión permanente lexislativa.
Comisión constituída para a duración de toda a lexislatura e que conta entre as súas funcións coa tramitación de iniciativas lexislativas. Normalmente hai unha comisión permanente lexislativa por cada ministerio do Goberno.
Comisión permanente non lexislativa.
Comisión constituída para a duración de toda a lexislatura e que non intervén na función lexislativa da Cámara. Entre as materias das que se ocupa destacan o estatuto dos parlamentarios, o Regulamento da Cámara, ou a tramitación das peticións que formulan os cidadáns no exercicio do dereito de petición.
Comisión Xeral das Comunidades Autónomas.
Comisión singular do Senado, caracterizada por atoparse integrada polo dobre de senadores que o resto das comisións da Cámara e porque nela poden intervir os presidentes das comunidades autónomas, con voz pero sen voto. Nela desenvólvese o debate sobre o Estado das Autonomías.
Comunicación do Goberno.
Instrumento que permite ao Goberno remitir á Cámara unha información e producir un debate sobre ela co obxecto de coñecer o parecer da mesma. Como consecuencia do debate dunha comunicación os grupos parlamentarios poden presentar mocións no Senado e propostas de resolución no Congreso dos Deputados.
Conferencia de Presidentes de Asembleas Parlamentarias Europeas.
Foro integrado polos presidentes dos parlamentos nacionais dos corenta e sete estados membros do Consello de Europa e dos que teñen o estatuto de observador na Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa. Reúnese con periodicidade bienal. Ten como obxecto abordar temas concretos de actualidade sobre a base de documentos de discusión previamente preparados polo país anfitrión.
Conferencia de Presidentes de Parlamentos do mundo.
Foro que reúne a presidentes de parlamentos de todo o mundo baixo os auspicios da Unión Interparlamentaria (UIP) e ten como obxectivo expresar, ao máis alto nivel, o compromiso dos parlamentos co fortalecemento dos sistemas internacionais multilaterais, a paz, a seguridade, a democracia e os dereitos humanos. Reúnese cada cinco anos.
Conferencia de Presidentes de Parlamentos da Unión Europea e do Parlamento Europeo.
Foro integrado polos presidentes de todos os parlamentos dos estados membros da Unión Europea e polo presidente do Parlamento Europeo. Nas últimas convocatorias incorporouse tamén aos presidentes das asembleas dos países candidatos. Ten como obxectivo promover o diálogo e o intercambio de boas prácticas entre os parlamentos que a integran e coordinar a cooperación interparlamentaria entre eles. Reúnese con periodicidade anual.
Conferencia parlamentaria internacional.
Reunión, habitualmente de carácter periódico, na que participan delegacións de parlamentos nacionais coa finalidade de debater e pronunciarse politicamente sobre cuestións da súa competencia.
Congreso dos Deputados.
Cámara das Cortes Xerais que se compón de 350 deputados, elixidos todos eles por sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto nos termos que establece a lei. Representa ao pobo español e ten funcións lexislativas, de control político e de nomeamento de membros de órganos constitucionais, entre outras.
Constitución do Senado.
Primeira sesión da Cámara tras as eleccións xerais, que marca o inicio da lexislatura. Na sesión de constitución do Senado producirase a elección dos membros da Mesa da Cámara: o presidente, dous vicepresidentes e catro secretarios. Por outra parte, os senadores prestarán xuramento ou promesa de acatamento á Constitución.
Control ao Goberno e impulso político.
Función propia das cámaras que consiste en obter información do Goberno, someter a debate contraditorio a súa actuación e instarlle a orientar a súa política nunha determinada liña. As iniciativas parlamentarias a través das que se articula esta función son as preguntas, as interpelaciones, as mociones (no Senado) e proposicións non de lei (no Congreso dos Deputados), as mocións consecuencia de interpelación, os debates sobre as comunicaciones e informes remitidos polo Goberno, as comparecencias e as comisiones de investigación y especiales.
Convenio colectivo do persoal laboral do Senado.
Acordo alcanzado entre a representación da administración parlamentaria e os representantes sindicais do persoal laboral do Senado, e aprobado pola Mesa da Cámara, que regula o réxime xurídico do persoal laboral que presta servizos na Cámara, establecendo as condicións de acceso, dereitos e obrigas do mesmo e réxime disciplinario.
Convenios entre comunidades autónomas.
Os acordos entre comunidades autónomas son instrumentos de cooperación autonómica. Son obxecto de exame polas Cortes Xerais. Se se trata de convenios que as comunidades autónomas celebran entre si para a xestión e prestación de servizos propios das mesmas, hanse de comunicar ás Cortes Xerais para que as cámaras tomen coñecemento dos mesmos. Nos demais supostos, os acordos de cooperación necesitarán a autorización das Cortes Xerais.
Convenios internacionais.
Tamén chamados tratados internacionais, son acordos de carácter vinculante entre estados ou outras entidades con personalidade xurídica internacional. Nalgúns casos estes convenios deben ser autorizados polas Cortes Xerais (véxase “Autorización de tratados internacionais”), mentres que noutros é suficiente con que as cámaras sexan informadas da súa conclusión (artigo 94.2 da Constitución).
Convocatoria.
Acto de chamamento dirixido aos membros dos órganos colexiados, necesario para que poidan reunirse e adoptar acordos validamente. No caso das Cortes Xerais, o artigo 67.3 da Constitución establece que as reunións dos parlamentarios que se celebren sen convocatoria regulamentaria non vincularán ás cámaras e non poderán exercer as súas funcións nin ostentar os seus privilexios.
Así mesmo, o artigo 79.1 da Constitución determina que para adoptar acordos o Congreso dos Deputados e o Senado deberán estar reunidos regulamentariamente, o cal supón a necesidade dunha convocatoria previa.
Cortesía parlamentaria.
Conxunto de regras de corrección non escritas que os parlamentarios deben cumprir como mostra de respecto cara aos demais parlamentarios, cara á Cámara e cara aos cidadáns.
Cortes Xerais.
O Parlamento español é bicameral e recibe o nome de Cortes Xerais. As Cortes Xerais representan ao pobo español e están formadas polo Senado e o Congreso dos Deputados. As Cortes Xerais exercen a potestade lexislativa do Estado, aproban os seus orzamentos, controlan a acción do Goberno e teñen as demais competencias que lles atribúe a Constitución.
Credencial.
Documento expedido pola Xunta Electoral Provincial que certifica que un candidato a senador ou a deputado resultou electo nas eleccións correspondentes. No caso dos senadores designados polas comunidades autónomas a credencial é expedida polo seu respectivo parlamento autonómico.
Cuestión de confianza.
Instrumento de esixencia de responsabilidade política do Goberno regulado no artigo 112 da Constitución española que permite ao presidente do Goberno, previa deliberación do Consello de Ministros, expor ante o Congreso dos Deputados a solicitude de que este lle outorgue a súa confianza sobre o programa ou sobre unha declaración de política xeral do propio Goberno. A confianza entenderase outorgada cando estea a favor da mesma a maioría simple dos deputados. Se o Congreso nega a súa confianza ao Goberno, este presentará a súa dimisión ao Rei.
Cuestión de orde.
Solicitude de observancia do Regulamento que pode suscitar un parlamentario en calquera momento dun debate, citando o artigo ou artigos cuxa aplicación reclama.
Debate.
Parte esencial dos procedementos parlamentarios que consiste na confrontación das opinións e argumentos. Normalmente é público e permite manifestarse a favor e en contra do asunto debatido.
Debate de totalidade.
Fase do procedemento lexislativo que ten lugar durante a deliberación en sesión plenaria coa finalidade de permitir un exame sobre o conxunto do proxecto ou proposición de lei.
No Senado prodúcese inmediatamente despois da presentación do ditame da Comisión. Consta dunha quenda a favor e outra en contra sobre o conxunto do texto, máis a intervención dos portavoces dos grupos parlamentarios que o desexen. Acto seguido debateranse as propostas de veto e os votos particulares coas emendas que non se incorporasen ao ditame na fase de Comisión.
Debate sobre o Estado das Autonomías.
Debate que ten lugar na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado. O regulamento prevé a súa celebración anual. Nel interveñen o presidente do Goberno, os presidentes das comunidades autónomas e das cidades con estatuto de autonomía e os membros da Comisión Xeral, quen examina a situación do Estado dende a perspectiva territorial.
Delegación parlamentaria.
Parlamentario ou parlamentarios designados polos órganos das cámaras ou polos grupos parlamentarios coa finalidade de participar nas relacións parlamentarias bilaterais ou multilaterais de carácter internacional.
Dereito de petición.
Dereito fundamental regulado na Constitución (arts. 29 e 77), por medio de cuxo exercicio un cidadán ou un colectivo pode solicitar a unha institución pública que adopte unha determinada decisión ou actúe dalgún modo concreto.
No caso do Senado existe un procedemento especial para exercitar o dereito de petición, que debe presentarse por escrito, quedando prohibida a presentación directa por manifestacións cidadáns. Unha vez presentadas as peticións, serán examinadas pola Comisión de Peticións.
No informe que debe emitir en cada período ordinario de sesións, que é obxecto de consideración polo pleno do Senado, figurará a decisión adoptada respecto de cada unha das peticións, con indicación, no seu caso, da autoridade á que se remitiu para a súa contestación. As contestacións que se reciban trasladaranse aos seus autores.
Deputación Permanente.
Órgano encargado de convocar sesións extraordinarias e de velar polos poderes da Cámara cando non estea reunida ou cando a mesma esgotou o seu mandato ou se disolva e ata que se constitúa a nova Cámara. Presídea o presidente da Cámara e intégrana un mínimo de vinte e un parlamentarios elixidos polos grupos parlamentarios en proporción á súa importancia numérica. Constitúese ao principio da lexislatura.
Diario de sesións.
Publicación oficial na que se recollen as transcricións das sesións do Pleno, da Deputación Permanente e das comisións. Reproduce as intervencións dos oradores, deixando constancia das incidencias producidas e do resultado das votacións, no seu caso.
Diplomacia parlamentaria.
Actividade desenvolvida polos parlamentos no ámbito internacional coa finalidade de complementar a política exterior impulsada polos gobernos.
Dirección de Asistencia Técnico-Parlamentaria.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, asesoramento, asistencia, apoio e execución nas materias propias da competencia do Pleno, a Deputación Permanente, a Mesa e a Xunta de Portavoces.
Dirección de Comisións.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, asesoramento, asistencia, apoio e execución nas materias propias da competencia das comisións da Cámara.
Dirección de Documentación.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da realización de traballos documentais relacionados coa actividade da Cámara.
Dirección de Estudos.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da realización de estudos e análises relacionados coa actividade constitucional e parlamentaria, así como cos asuntos da Unión Europea.
Dirección de Orzamentos e Contratación.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión nas materias relativas á contratación, patrimonio mobiliario e artístico, orzamento e contabilidade da Cámara.
Dirección de Recursos Humanos e Goberno Interior.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da xestión, asesoramento e control en materias propias do persoal que presta os seus servizos na Secretaría Xeral da Cámara, así como no referente a prestacións a senadores, seguridade, prevención de riscos laborais, correspondéndolle ademais aquelas materias non atribuídas especificamente a outras direccións que afecten ao goberno interior da Cámara.
Dirección de Relacións Institucionais.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do apoio, asistencia e asesoramento en materia de relacións cos medios de comunicación, imaxe institucional e protocolo da Cámara, así como a información interna e externa e a supervisión da páxina web da Cámara.
Dirección de Relacións Internacionais.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada da preparación, organización e xestión dos asuntos internacionais e da cooperación interparlamentaria da Cámara.
Dirección Técnica de Infraestruturas.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión en materia de edificios e instalacións da Cámara.
Dirección de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara encargada do asesoramento e xestión nas materias relacionadas co sistema informático e as comunicacións da Cámara.
Disciplina de grupo.
Uso parlamentario en virtude do cal os parlamentarios seguen as indicacións que efectúan os grupos parlamentarios en relación coas distintas actividades que se realizan na Cámara, especialmente en canto ao sentido do voto.
Disciplina parlamentaria.
Medidas aplicadas polo presidente da Cámara co obxecto de manter a orde no debate e nas salas de reunión. A tal efecto, o presidente pode, en función da gravidade da actuación, realizar chamamentos á orde ou á cuestión, prohibir a asistencia a unha reunión, e incluso acordar a suspensión no exercicio da función parlamentaria, todo iso nos termos previstos no Regulamento da Cámara.
Disolución.
Na maioría dos casos, decisión adoptada mediante decreto polo presidente do Goberno, previa deliberación do Consello de Ministros, que pon fin ao mandato dos deputados, dos senadores ou de ambos e que comporta a convocatoria de eleccións. Coa disolución entra en funcionamento a Deputación Permanente. Hai a disolución automática no suposto de reforma extraordinaria da Constitución (artigo 168) e no de fracaso do proceso de investidura (artigo 99). (Véxase “Deputación Permanente”).
Dúplica.
Quenda de intervención, consistente na contestación á réplica, que adoita pechar o debate referido á pregunta, interpelación ou toma de posición en relación á iniciativa parlamentaria de que se trate.
Empate.
Obtención do mesmo número de votos a favor e en contra nunha votación.
No Senado a forma de resolver os empates será distinta segundo o órgano no que se efectuase a votación. Se esta ten lugar no Pleno, realizarase unha segunda votación. Se se repite o empate, realizarase unha terceira votación e, se en esta persiste o empate, entenderase refugado o texto, ditame, artigo, proposición ou cuestión de que se trate. Nas votacións en Comisión aplicaranse as mesmas regras que no pleno, agás no caso de que estean presentes todos os seus membros, xa que entón entenderase que non existe empate cando a igualdade de votos, sendo idéntico o sentido no que votasen todos os membros da Comisión pertencentes a un mesmo grupo parlamentario, puidese dirimirse ponderando o número de votos con que cada grupo conta no Pleno.
Emenda.
Proposta de modificación formulada polos parlamentarios ou os grupos parlamentarios en virtude da cal se pretende suprimir, engadir, ou alterar algún artigo ou fragmento do texto dunha iniciativa parlamentaria. No caso dos textos lexislativos, as emendas deben ser congruentes e cumprir os requisitos formais de presentación que esixe o Regulamento da Cámara.
Escano.
Asento que ocupa un parlamentario no hemiciclo ou salón no que se celebran as sesións plenarias.
Escrutinio.
Fase do proceso de votación que ten por obxecto o reconto dos votos emitidos.
Estatuto do Persoal das Cortes Xerais.
Norma que regula o réxime do persoal das Cortes Xerais, e en especial dos seus funcionarios, establecendo as condicións de acceso, situacións, supostos de cesamento, dereitos e obrigas dos mesmos e réxime disciplinario. É aprobado polas Mesas do Congreso dos Deputados e do Senado, reunidas en sesión conxunta.
Estatuto do Senador.
Conxunto de dereitos, deberes e prerrogativas dos senadores, establecidos co propósito de garantir o pleno exercicio das funcións correspondentes á Cámara, asegurando a súa independencia respecto dos demais poderes. Inclúe o dereito a presentar iniciativas, intervir nos debates e participar nas votacións nos termos establecidos no Regulamento do Senado, o réxime de incompatibilidades establecido na lexislación electoral, e as prerrogativas de inviolabilidade, inmunidade e sometemento a un foro especial xa que para as causas penais contra os senadores e deputados é competente a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
Fondo de Compensación Interterritorial.
Fondo orzamentario previsto no artigo 158.2 da Constitución co obxecto de corrixir os desequilibrios económicos interterritoriais entre as distintas comunidades autónomas e facer así efectivo o principio de solidariedade. Este fondo estará destinado a gastos de inversión e os seus recursos serán distribuídos polas Cortes Xerais.
Foro Parlamentario Iberoamericano.
Foro de cooperación interparlamentaria dos parlamentos dos vinte e dous estados integrantes da Comunidade Iberoamericana de Nacións. Reúnese unha vez ao ano con carácter previo ao Cumio de Xefes de Estado e de Goberno no país ao que corresponde albergar este Cumio. Foi creado no ano 2005 a iniciativa das Cortes Xerais. Entre os seus obxectivos destacan o de participar no desenvolvemento e consolidación da Comunidade Iberoamericana de Nacións e establecer un marco de mutua cooperación.
Foro parlamentario.
Prerrogativa parlamentaria en virtude da cal para as causas penais contra senadores e deputados é competente a Sala do Penal do Tribunal Supremo.
Funcionarios das Cortes Xerais.
(Véxase “Persoal funcionario das Cortes Xerais”).
Goberno.
Órgano titular do poder executivo. Dirixe a política interior e exterior, a Administración civil e militar e a defensa do Estado. Exerce a función executiva e a potestade regulamentaria. Componse do presidente do Goberno, que debe ostentar a confianza do Congreso dos Deputados e que a posteriori elixe aos vicepresidentes, no seu caso, e aos ministros. Está sometido ao control das Cámaras. (Véxase “Control ao Goberno e impulso político”).
Grupo Mixto.
Grupo parlamentario ao que se incorporan todos aqueles parlamentarios que non formen parte doutro grupo. Aínda que a súa participación nas actividades da Cámara será idéntica á dos restantes grupos, presenta peculiaridades no seu funcionamento interno debido a que está integrado por parlamentarios pertencentes a forzas políticas diversas.
Grupo parlamentario.
Agrupación de parlamentarios en función da súa adscrición política. Constitúense nas cámaras ao inicio de cada lexislatura.
No caso do Senado, cada grupo parlamentario estará composto, polo menos, de dez senadores. Ningún senador poderá formar parte de máis dun grupo parlamentario. Os senadores que concorresen ás eleccións formando parte dun mesmo partido, federación, coalición ou agrupación non poderán formar máis dun grupo parlamentario. Os senadores que non se incorporen a un grupo parlamentario de denominación específica pasarán a integrar o Grupo Mixto.
Grupos de amizade.
Foro parlamentario bilateral dirixido a impulsar e desenvolver as relacións internacionais entre España e os países cos que ten vínculos de especial relevancia. A súa creación acórdase pola Mesa da Cámara.
Grupo territorial.
Agrupación de polo menos tres senadores elixidos no territorio dunha comunidade autónoma ou designados polo mesmo parlamento autonómico, e pertencentes a un mesmo grupo parlamentario.
Hemiciclo.
Salón no que se celebran as sesións plenarias, cuxa planta ten forma semicircular.
Incompatibilidades.
Réxime establecido na lexislación electoral, aplicable aos parlamentarios, para garantir a súa independencia no exercicio das súas funcións, en virtude do cal determinadas profesións ou cargos públicos non se poden exercer simultaneamente co seu cargo parlamentario. A tal efecto, ao tomar posesión, os parlamentarios deben formular unha declaración de actividades que é ditaminada pola comisión que se ocupa das incompatibilidades.
En caso de que se aprecie algunha incompatibilidade o afectado debe optar entre o seu escano e a condición ou posto que determina a incompatibilidade. Así mesmo, están obrigados a comunicar calquera alteración que se produza na súa situación durante a lexislatura.
Indemnización parlamentaria.
Parte das retribucións que percibe un parlamentario, que ten por obxecto compensarlle por determinados gastos que xera o exercicio das súas funcións, entre outros o aloxamento e a manutención.
Inelexibilidade.
Situación na que una persoa, debido aos cargos ou funcións que ostenta, non pode presentarse como candidato ás eleccións xerais. As causas de inelexibilidade, que veñen determinadas na lexislación electoral, poden ser xerais, para todo tipo de eleccións, ou específicas para uns determinados comicios; ademais, poden vir referidas a todo o ámbito territorial das eleccións ou só a determinadas circunscricións.
Con carácter xeral son inelexibles, por exemplo, os membros da Familia Real, os membros do Tribunal Constitucional ou os membros das Forzas Armadas.
Informe da Ponencia.
Documento que contén a proposta ou resultado do traballo dos parlamentarios que conforman a ponencia creada no seo dunha comisión parlamentaria para o estudo dunha iniciativa lexislativa ou dun asunto concreto. (Véxase “Ponencia de estudo”).
Iniciativa lexislativa.
Potestade que constitucionalmente atribúese a determinados suxeitos para iniciar, de forma válida, o procedemento dirixido a aprobar, modificar ou derrogar unha ley. Tal é o caso dos proxectos de lei, presentados polo Goberno e que teñen unha tramitación prioritaria, das proposicións de lei que teñen a súa orixe nas cámaras ou nas asembleas lexislativas das comunidades autónomas, ou das iniciativas lexislativas populares.
Iniciativa parlamentaria.
Acto polo que se inicia un procedemento parlamentario, sexa de carácter lexislativo, de autorización, de control e impulso político ou de elección doutros órganos. Recibe a mesma denominación o expediente parlamentario que se tramita.
Inmunidade.
Prerrogativa en virtude da cal os parlamentarios non poden ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da Cámara, solicitada mediante suplicatorio. Con esta esixencia a Cámara pode comprobar, sen entrar a xulgar o fondo da cuestión -a comisión ou non dun delito-, se tras a acusación contra un senador ou deputado se oculta unha persecución política.
A tal efecto séguese un procedemento no seo da Cámara, con participación do afectado e que termina coa correspondente decisión mediante votación secreta. Esta prerrogativa non se aplica cando se trate dun delito flagrante.
Interpelación.
Iniciativa en virtude da cal un parlamentario expón unha cuestión ao Goberno cuxo obxecto debe versar sobre a política do Executivo en asuntos de interese xeral. A inclusión na orde do día das interpelacións efectúase, oída a Xunta de Portavoces, de acordo cun sistema de cota para cada grupo parlamentario.
Interpretación do Regulamento.
Facultade do presidente da Cámara que lle permite aclarar en caso de dúbida o establecido no Regulamento da Cámara.
Intervención.
Cada unha das veces que un orador fai uso da palabra durante o debate parlamentario.
Intervención do Senado.
Unidade da Secretaría Xeral da Cámara que exerce a fiscalización nas súas distintas modalidades e contabilización de todos os actos, documentos e expedientes da Secretaría Xeral do Senado, dos que derivan dereitos e obrigacións de contido económico, así como o asesoramento en materia financeira.
Investidura.
Acto formal por medio do cal o Congreso dos Deputados, tras a exposición do seu programa de goberno, concede a súa confianza a un candidato ao que elixe como presidente do Goberno.
Inviolabilidade.
Prerrogativa da que gozan os parlamentarios en virtude da cal están exentos de responsabilidade polas manifestacións escritas e orais que realicen no transcurso dunha sesión parlamentaria, así como polos votos que poidan emitir nas decisións parlamentarias nas que participen.
Lectura única.
Procedemento lexislativo especial cuxa peculiaridade estriba en que o texto lexislativo é directamente debatido, e no seu caso aprobado, polo Pleno da Cámara sen que pase antes por comisión ou ponencia. Pode utilizarse en iniciativas lexislativas cuxa natureza ou simplicidade o permiten. O procedemento debe ser acordado polo Pleno, a proposta da Mesa, oída a Xunta de Portavoces.
No Congreso dos Deputados poden presentarse emendas de totalidade e ao articulado; no Senado propostas de veto exclusivamente. O seu debate en Pleno é o previsto para os debates de totalidade ou de propostas de veto, se as hai.
Letrado Maior do Senado ou Secretario Xeral.
Correspóndelle a dirección superior da asistencia, apoio e asesoramento xurídico, técnico e administrativo dos órganos da Cámara, así como a xefatura dos servizos administrativos que constitúen a Administración parlamentaria, tarefas que exercerá baixo a autoridade da Mesa e do presidente. Desígnao a Mesa do Senado, a proposta da Presidencia, entre funcionarios de corpo de letrados das Cortes Xerais.
Lexislatura.
Período de tempo polo cal é elixido un parlamento ou, o que é o mesmo, o tempo de duración do mandato dos membros dunha cámara. No caso do Congreso dos Deputados e do Senado a lexislatura conclúe no momento da disolución das cámaras e, en todo caso, catro anos despois da data das eleccións xerais.
Maioría absoluta.
Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario o voto no mesmo sentido de máis da metade de todos os membros de dereito da Cámara ou da Comisión.
Maioría cualificada.
Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario o voto no mesmo sentido de porcentaxes especiais, como dous terzos ou tres quintos do número total dos membros de dereito da Cámara. Non obstante, en ocasións a maioría absoluta considérase tamén unha maioría cualificada.
Maioría simple.
Regra para a adopción dun acordo en virtude da cal é necesario que o número de votos a favor sexa superior ao de votos en contra, independentemente do número de votos emitidos. É a regra xeral para a adopción de acordos.
Mandato imperativo.
Modelo de representación política no que o membro da asemblea non exerce as súas funcións de forma independente, senón cumprindo as ordes directas do seu elector, sexa unha institución ou unha persoa. A Constitución española prohíbeo cando establece expresamente no seu artigo 67.2 que os membros das Cortes Xerais non estarán ligados por mandato imperativo.
Mensaxe motivada.
Documento que o Senado remite ao Congreso dos Deputados ao concluír o procedemento lexislativo mediante o que pon en coñecemento do Congreso se aprobou veto ou emendas á iniciativa lexislativa que esta Cámara lle remitiu, cunha exposición dos motivos dos citados acordos.
Mesa das Comisións.
Órgano composto, cando non se acorde outra cousa, por unha Presidencia, dúas Vicepresidencias e dúas Secretarías. A súa elección ten lugar na súa primeira reunión, observándose as mesmas normas establecidas para a elección da Mesa da Cámara.
Mesa de Idade.
Órgano transitorio que se establece tras a apertura da sesión constitutiva do Senado ata a constitución da Mesa definitiva. As súas funcións limítanse a resolver as cuestións de trámite iniciais. Presídea o senador ou senadora de máis idade de entre os presentes, e son secretarios ou secretarias os catro máis novos.
Mesa do Senado.
Órgano reitor da Cámara composto polo presidente, os vicepresidentes (dous no Senado e catro no Congreso dos Deputados) e catro secretarios. A súa elección para cada lexislatura ten lugar na sesión constitutiva da Cámara. As súas competencias máis importantes son de carácter parlamentario e administrativo.
Moción.
Iniciativa vinculada ao control e impulso político, que se presenta coa finalidade de que o Goberno formule unha declaración sobre algún tema ou remita ás Cortes Xerais un proxecto de lei, ou de que a Cámara delibere e se pronuncie sobre un texto de carácter non lexislativo, debendo ir acompañadas, no seu caso, dunha avaliación do seu custo económico. Poden ser presentadas para que o seu debate se produza nunha sesión plenaria ou nunha comisión. No debate interveñen, ademais do autor da iniciativa, os representantes dos grupos parlamentarios. Son obxecto de votación. ( Véxase “Moción consecuencia de interpelación”).
Mocións de censura.
Instrumento de control mediante o cal o Congreso dos Deputados esixe responsabilidade política ao Goberno. Atópase na esencia mesma do réxime parlamentario, fundamentado na relación de confianza entre o Parlamento e o Goberno. A Constitución esixe que, para ser aprobada, apoien a moción de censura a maioría absoluta dos Deputados, en cuxo caso o Goberno presentará a súa dimisión ao Rei e será investido presidente do Goberno o candidato proposto na moción de censura.
Mocións consecuencia de interpelación.
Iniciativa cuxa presentación ten a súa orixe no debate dunha interpelación na que a contestación por parte do Goberno non resultou satisfactoria ao parlamentario interpelante. O seu contido e tramitación son similares ás das mocións ordinarias, se ben o tempo das diversas quendas de intervención é máis reducido.
Moción incidental.
Cuestión que pode exporse en curso de calquera debate co fin de resolver unha dúbida na tramitación procedente para a iniciativa que se estea a debater.
Obstrución.
Comportamento dun parlamentario dirixido a impedir, en ocasións abusando dos medios regulamentarios ao seu alcance, a tramitación de asuntos ou a adopción de acordos no seo dos órganos parlamentarios. Exemplos de obstrución parlamentaria son: o abuso da palabra; as peticións reiteradas e inxustificadas de quórum para deliberar e votar; as solicitudes de votación nominal; ou o absentismo que impide alcanzar o quórum necesario para a adopción de acordos.
Orde do día.
Relación dos asuntos que un órgano parlamentario vai examinar nunha reunión. A orde do día fíxase de forma previa á reunión do órgano, co que se evita que poidan tratarse temas de forma sorpresiva ou sen coñecemento dalgún dos membros da Cámara. A súa elaboración e eventual modificación ten gran importancia porque determina cal é a prioridade que se vai asignar ás dis¬tintas iniciativas que están en tramitación.
No Senado a orde do día do Pleno fíxaa o presidente de acordo coa Mesa e oída a Xunta de Portavoces. O representante do Goberno pode incluír un só asunto con carácter prioritario. A orde do día das comisións fíxaa o seu presidente, oída a Mesa respectiva e tendo en conta, no seu caso, o programa de traballos da Cámara. Un terzo dos membros da Comisión poderá incluír un só asunto con carácter prioritario.
Órganos constitucionais.
Institucións previstas na Constitución que conforman a estrutura política do Estado. Son a Coroa, as Cortes Xerais, o Goberno, o Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Constitucional.
Orzamento do Senado.
A autonomía financeira das cámaras implica que cada unha delas aproba autonomamente o seu propio orzamento, determinando o volume de ingresos que necesitan para exercer as súas tarefas. A elaboración e aprobación do Orzamento do Senado encoméndase á súa Mesa. Unha vez aprobado, remítese ao Goberno para a súa inclusión no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado. A autonomía abarca tamén a xestión e execución do orzamento. A fiscalización realízaa a Intervención do Senado e a aprobación da liquidación efectúa a Mesa.
Orzamentos Xerais do Estado.
Expresión cifrada, conxunta e sistemática das obrigas e os dereitos a liquidar durante o exercicio por cada un dos órganos e entidades que forman parte do sector público estatal.
O Senado, co Congreso dos Deputados, aproba os Orzamentos Xerais do Estado. A tramitación do proxecto de Lei de Orzamentos segue o procedemento lexislativo ordinario, con algunhas particularidades entre as que cabe destacar que a tramitación goza de preferencia sobre os demais traballos da Cámara, que as emendas que impliquen a impugnación completa dunha sección se tramitan como propostas de veto e que as emendas que supoñan aumento de crédito deben contemplar unha baixa de igual contía na mesma sección.
Período de sesións.
Marco temporal que fixa os momentos nos que as cámaras poden reunirse con carácter ordinario. A Constitución española establece que as cámaras reuniranse anualmente en dous períodos ordinarios de sesións: o primeiro, de setembro a decembro, e o segundo, de febreiro a xuño. Non obstante, é frecuente que as cámaras se reúnan fóra deses períodos ordinarios en sesións extraordinarias.
Persoal adscrito.
Persoal pertencente a corpos da Administración Xeral do Estado que está destinado na Cámara para o desempeño de funcións de seguridade e daquelas outras non atribuídas estatutariamente aos corpos de funcionarios das Cortes Xerais. Con independencia da súa permanencia nos corpos de orixe na situación de servizo activo, dependerá a todos os efectos do presidente e do secretario xeral da Cámara.
Persoal eventual.
Persoal ao que corresponde a asistencia directa e de confianza aos membros da Mesa, a determinados parlamentarios e aos grupos parlamentarios. O persoal eventual será nomeado e separado libremente polo presidente da Cámara, a proposta do titular do órgano ao que vaia a prestar asistencia. En todo caso, cesará de modo automático cando cese o titular do órgano ao que sirva.
Persoal funcionario das Cortes Xerais.
Persoal das Cortes Xerais que, en virtude de nomeamento legal, están incorporados ás mesmas, con carácter permanente, mediante unha relación estatutaria de servizos profesionais e retribuídos con cargo ao orzamento daquelas. Prestarán os seus servizos no Congreso dos Deputados, no Senado ou na Xunta Electoral Central, mediante o desempeño de postos de traballo contidos no correspondente persoal orgánico.
Na actualidade, existen os seguintes corpos de funcionarios das Cortes Xerais: Letrados, Arquiveiros-Bibliotecarios, Asesores Facultativos, Redactores Taquígrafos e Estenotipistas, Técnicos-Administrativos, Administrativos e Ordenanzas.
Persoal laboral da Cámara.
Persoal encargado do desempeño de funcións non atribuídas estatutariamente aos corpos de funcionarios das Cortes Xerais, nos postos de traballo que con tal carácter prevexa o persoal orgánico. O persoal contratado laboralmente éo de cada cámara. No Senado existen os seguintes grupos profesionais: médicos, analistas, programadores, enfermeiros, auxiliares de informática e de audiovisuais, brigada de mantemento, condutores e motoristas.
No Senado existen os seguintes grupos profesionais: médicos, analistas, programadores, enfermeiros, guías, auxiliares administrativos, auxiliares de informática, auxiliares de audiovisuais, electricistas, brigada de mantemento e condutores e motoristas.
Petición.
(Véxase “Dereito de petición”).
Pleno.
Órgano funcional da Cámara formado por todos os seus parlamentarios. O Pleno coñece dos asuntos máis relevantes e na maioría dos casos ten a última palabra no debate e aprobación das iniciativas que lle son sometidas polas comisións para a súa consideración. (Véxase “Sesión plenaria”).
Ponencia de estudo.
Órgano funcional creado no seo dunha comisión, formado por un grupo reducido de parlamentarios co obxecto de estudar un asunto en concreto. Os seus traballos adoitan finalizar coa formulación dun informe ou unha proposta á comisión correspondente; unha vez feito o cal se extinguen.
Ponencia lexislativa.
Órgano funcional creado no seo dunha comisión lexislativa, formado por representantes dos grupos parlamentarios, co obxecto de informar sobre textos lexislativos. No Senado, con carácter xeral, dispón dun prazo de quince días para emitir o seu informe, contados a partir da data en que termine o prazo de presentación de emendas.
Portavoz.
Persoa designada polo grupo parlamentario para ostentar a súa representación nos distintos órganos da Cámara. Os portavoces dos grupos parlamentarios reúnense na Xunta de Portavoces.
Pregunta.
Iniciativa de control que poden utilizar os parlamentarios para interrogar ao Goberno sobre cuestións da súa competencia. As preguntas deben formularse mediante escrito dirixido ao presidente da Cámara. Poden ser de resposta escrita ou de resposta oral, e esta producirse no Pleno ou en comisión. Non se admiten preguntas de exclusivo interese persoal de quen as formula ou de calquera outra persoa singularizada, nin as que supoñan consulta de índole estritamente xurídica.
Pregunta escrita.
As preguntas para a súa resposta escrita polo Goberno poden conter máis dunha cuestión. No Senado tramítanse na súa integridade por vía electrónica, e publícanse na páxina web da Cámara. Preséntanse mediante escrito dirixido á Presidencia do Senado. Non están sometidas a un prazo para a súa formulación. O Goberno debe remitir a resposta dentro dos trinta días seguintes á súa comunicación. Se o Goberno non fai chegar a resposta dentro deste prazo, o senador interrogante poderá solicitar a inclusión da pregunta na orde do día da sesión seguinte da comisión competente por razón da materia, onde recibirá o tratamento das preguntas orais.
Pregunta oral en Comisión.
As preguntas para a súa contestación oral en comisión deben reunir os mesmos requisitos que as preguntas orais en sesión plenaria, se ben non están sometidas a un prazo para a súa formulación. No Senado, unha vez cualificadas pola Mesa da Cámara e transcorridos sete días dende a súa publicación, están en condicións de ser incluídas na orde do día da comisión. Os tempos de palabra son de maior duración que nas de resposta en Pleno. Só poden comparecer para responder este tipo de preguntas os ministros e os secretarios de Estado.
Pregunta oral en Pleno.
As preguntas para contestación oral en Pleno han de conter a concisa e estrita formulación dunha soa cuestión. A inclusión das preguntas na orde do día efectúase mediante a aplicación dun sistema de cota para cada grupo parlamentario. Cabe a posibilidade de substituír as preguntas presentadas por outras relativas a asuntos acordados no Consello de Ministros ou por cuestións de especial urxencia ou actualidade. As preguntas formúlanse dende o escano. En primeiro lugar intervén o parlamentario preguntante, que formula a súa cuestión para ser contestado por un membro do Goberno. A continuación, o parlamentario dispón dunha quenda de réplica e o membro do Goberno dunha quenda de dúplica.
No Senado cada un dos intervintes disporá dun tempo de tres minutos en total para facer uso das dúas quendas mencionadas.
Prerrogativas parlamentarias.
A inviolabilidade, a inmunidade e o foro especial forman parte do estatuto xurídico do parlamentario. Teñen como finalidade, non a de outorgar a estes unha protección ou un trato de favor fronte ao resto de cidadáns, senón a de garantir o pleno exercicio das funcións correspondentes á Cámara da que forman parte, asegurando a súa independencia respecto dos demais poderes. (Véxase “Inviolabilidade”, “Inmunidade” e “Foro especial”).
Presidencia de Comisión.
As comisións elixen entre os seus membros unha mesa como órgano reitor da mesma, integrada por un presidente, dous vicepresidentes e dous secretarios. O presidente da comisión exerce no ámbito da comisión, entre outras funcións, as de convocatoria das sesións da comisión, fixación da orde do día, oída a mesa respectiva, presidencia das sesións e ordenación dos seus debates.
Presidencia do Goberno.
Cargo unipersoal encargado da presidencia e dirección da acción do Goberno e da coordinación dos demais membros do mesmo, a quen nomea e cesa libremente. A súa investidura require do outorgamento da confianza do Congreso dos Deputados. A confianza debe manterse despois de ser negada pola aprobación dunha moción de censura ou a denegación dunha cuestión de confianza, o Goberno deberá presentar a súa dimisión ao Rei.
Presidencia do Senado.
Cargo unipersoal de máxima representación do Senado. É elixido polo Pleno entre os seus membros ao comezo de cada lexislatura. Entre as súas funcións máis importantes destacan as de convocar as sesións plenarias e presidilas, dirixir os seus debates, manter a orde, pudendo impor sancións e interpretar o Regulamento da Cámara. Preside tamén a Mesa, a Xunta de Portavoces e a Comisión de Nomeamentos.( Véxase “Mesa”).
Procedemento lexislativo.
Sucesión de actos parlamentarios necesarios para que a Cámara aprobe unha lei en exercicio da potestade lexislativa. Son elementos necesarios do mesmo a publicidade, a posibilidade de formular emendas (sobre o conxunto ou ao articulado), o debate contraditorio e a votación. Lévase a cabo en diferentes órganos: Ponencia, Comisión e Pleno.
No Senado o procedemento lexislativo desenvólvese no prazo de dous meses, que se reduce a vinte días naturais en caso de urxencia (artigo 90 da Constitución).
Procedemento lexislativo de competencia delegada en Comisión.
Procedemento lexislativo especial que supón eliminar a aprobación final da lei polo Pleno da Cámara. O artigo 75.3 da Constitución impide o seu emprego en determinadas materias.
No Senado o acordo para utilizar este procedemento adóptao o Pleno. Se se aproba unha proposta de veto en Comisión, o Pleno deberá ratificala ou rexeitala.
Procedemento lexislativo de urxencia.
Procedemento lexislativo especial que supón acurtar os prazos de tramitación.
No Senado o Regulamento prevé que a declaración de urxencia poida realizala o Goberno, o Congreso dos Deputados ou a Mesa do Senado, de oficio ou a proposta dun grupo parlamentario ou de vinte e cinco senadores. Se se declara a urxencia, o Senado dispón de só vinte días naturais para tramitar a iniciativa.
Procedemento parlamentario.
Serie ou sucesión de actos que deben seguirse para substanciar unha iniciativa. A tramitación de cada tipo de iniciativa, xa estea dirixida á aprobación dunha lei ou doutro texto normativo, a emitir unha autorización, a controlar ao Goberno ou a impulsar a acción do Goberno nunha determinada dirección, ou á elección de determinados cargos, réxese por un procedemento específico.
Proposición de lei.
Iniciativa lexislativa cuxo autor pode ser o Congreso dos Deputados, o Senado, unha comunidade autónoma ou un mínimo de 500.000 cidadáns. Unha vez tramitada e aprobada polas Cortes Xerais, converterase en lei.
Proposición non de lei.
Iniciativa non lexislativa vinculada ao control e impulso político que contén unha proposta de resolución formulada polos grupos parlamentarios á Cámara para que esta inste ao Goberno a adoptar algunha medida ou declaración ou ben se pronuncie verbo dalgunha materia en determinado sentido. Carecen de efectos xurídicos vinculantes, de maneira que as consecuencias da súa inobservancia deben canalizarse a través das vías para exercer o control político do Goberno.
No Senado este tipo de iniciativas reciben o nome de moción.( Véxase “Moción”).
Proxecto de lei.
Iniciativa lexislativa presentada polo Goberno para a súa tramitación e aprobación como lei polas Cortes Xerais.
Publicacións oficiais.
No ámbito parlamentario son publicacións oficiais o Boletín Oficial das Cortes Xerais (BOCG), que á súa vez ten tres seccións (Cortes Xerais, Congreso dos Deputados e Senado) e os Diarios de Sesións. Toda a colección de publicacións oficiais pode consultarse a través da páxina web. (Véxase “Boletín Oficial das Cortes Xerais” e “Diario de Sesións”).
Publicidade.
Ademais das publicacións oficiais, o Senado garante o acceso público á información a través da páxina web.
Quenda de aceptación ou rexeitamento de emendas.
Fase do debate parlamentario dunha moción na que o autor desta acepta ou rexeita as emendas presentadas polos demais parlamentarios.
Quenda en contra.
É unha quenda durante un debate no que o intervinte se pronuncia en contra da iniciativa ou texto debatido, é dicir, avoga polo seu rexeitamento.
Quenda de palabra.
É o momento temporalmente acoutado e distribuído por unha orde concreta durante a cal o parlamentario pode facer a súa intervención oral.
Quenda de Portavoces.
Quenda de palabra empregado polos portavoces dos grupos parlamentarios para fixar a súa posición sobre a iniciativa que se estea a debater.
Quórum.
Número de membros que deben estar presentes para que o órgano parlamentario poida deliberar ou adoptar acordos.
Reforma constitucional.
Modificación do texto constitucional en virtude do cal se engade ou suprime algún contido ou ben se substitúe o texto existente por outro. A nosa Constitución cualifícase de ríxida porque a súa reforma esixe maiorías moi cualificadas (artigos 167 e 168).
Regulamento parlamentario.
Norma superior do ordenamento parlamentario que contén as regras de organización e funcionamento da Cámara. É aprobada por cada Cámara en exercicio da autonomía que constitucionalmente ten atribuída. A pesar da súa denominación, os regulamentos parlamentarios teñen unha forza equivalente ao das normas con rango de lei. O Regulamento e a súa reforma requiren ser aprobados por maioría absoluta da Cámara.
Réplica.
Intervención que nun debate se produce tras ter recibido o seu autor contestación a unha pregunta, interpelación ou toma de posición en relación a algunha iniciativa parlamentaria. Adoitan ser quendas breves que dan lugar á dúplica coa que finaliza o debate.
Rexistro de intereses.
Rexistro público constituído en cada unha das cámaras no que se inscriben as declaracións de actividades e de bens patrimoniais e rendas que deben formular os deputados e senadores ao inicio do seu mandato, cando se produzan modificacións nas situacións declaradas, e ao perder a condición de parlamentarios. Calquera cidadán pode consultar o contido destas declaracións a través da páxina web da Cámara correspondente.
Salón de sesións.
Espazo físico destinado á celebración de sesións parlamentarias. Resérvase o termo salón para denominar á sala principal da sede parlamentaria na que se reúne o Pleno e distinguila así daquelas máis reducidas destinadas ás sesións de comisións e ponencias.
Secretaría Xeral do Senado.
Conxunto de servizos administrativos que constitúen a Administración do Senado. Correspóndelle a asistencia, apoio e asesoramento xurídico, técnico e administrativo dos órganos da Cámara. Está configurada con criterios de estrita legalidade, imparcialidade e profesionalidade. Presta os servizos necesarios para que a Cámara poida desempeñar as súas funcións constitucionais. Réxese polas normas aprobadas pola Mesa do Senado, á que está sometida en todo momento, e polo Estatuto do Persoal das Cortes Xerais.
Ten á súa fronte ao letrado maior ou secretario xeral, designado pola Mesa do Senado, a proposta do presidente, entre funcionarios do corpo de letrados das Cortes Xerais, do que depende o persoal da Secretaría Xeral, integrada por funcionarios das Cortes Xerais, contratados laborais do Senado e persoal adscrito.
Secretaría do Senado.
Membro da Mesa do Senado, elixido na sesión constitutiva da Cámara entre os seus membros. Os secretarios supervisan e autorizan, co visto bo do presidente, as actas das sesións plenarias e da Mesa, así como as certificacións que se teñan que expedirse; asisten ao presidente nas sesións para asegurar a orde nos debates e a corrección nas votacións; colaboran ao normal desenvolvemento dos traballos da Cámara; e, exercen, ademais, calquera outras funcións que lles encomende o presidente ou a Mesa. (Véxase “Mesa do Senado”).
Senado.
Cámara integrante das Cortes Xerais, que representa ao pobo español (artigo 66.1 da Constitución) e que, ademais, é a Cámara de representación territorial (artigo 69.1 da Constitución). Está composto por senadores que poden ser electos en circunscricións ou designados polos parlamentos autonómicos. O Senado participa, por unha parte, das funcións lexislativas, de control ao Goberno e de aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado. O seu papel habitual no procedemento lexislativo é o de segunda lectura, podendo opoñerse ou modificar as decisións do Congreso dos Deputados mediante vetos ou emendas.
Na súa función territorial ten a competencia prevista no artigo 155.1 da Constitución. No Senado existe unha Comisión Xeral de Comunidades Autónomas e celébranse periodicamente debates sobre o Estado das Autonomías.
Senador.
Membro do Senado. Para ser elixido senador hai que ser español, maior de idade e cumprir os requisitos establecidos legalmente. O senador pode ser elixido directamente polos cidadáns en circunscricións provinciais e candidaturas individuais ou ben pode ser designado por un parlamento autonómico. Todo senador ten dereito a participar no exercicio das funcións do Senado: lexislar, controlar ao Goberno, aprobar os ingresos e gastos do Estado e o resto das previstas na Constitución e nas leis.
Sesión extraordinaria.
A Constitución permite a celebración de sesións extraordinarias fóra dos dous períodos ordinarios de sesións en que as cámaras se reúnen anualmente: o primeiro, de setembro a decembro, e o segundo, de febreiro a xuño. Están pensadas para asuntos que requiren de inmediata tramitación sen que esta poida esperar ao comezo do seguinte período de sesións. Deben convocarse sobre unha orde do día determinada e serán clausuradas unha vez esgotado este.
O Senado poderá reunirse en sesións extraordinarias a petición do Goberno, da Deputación Permanente ou da maioría absoluta dos senadores.
Sesión plenaria.
Reunión formal dos compoñentes do Pleno da Cámara para debater e aprobar os asuntos da súa competencia. No Senado, como norma xeral, o Pleno celebra as súas sesións de martes a xoves. A orde do día do Pleno fíxaa o Presidente, de acordo coa Mesa e oída a Xunta de Portavoces. O representante do Goberno pode incluír un só asunto con carácter prioritario.
As sesións plenarias do Senado son públicas, agás que a petición razoada do Goberno ou de cincuenta senadores se acorde o contrario pola maioría absoluta da Cámara. Serán secretas nos casos previstos no Regulamento do Senado. O carácter público das sesións implica que ás mesmas poden acudir tanto membros dos medios de comunicación debidamente acreditados como o público en xeral, que poderá seguir a sesión dende a tribuna, ou mediante a retransmisión en directo que se realiza a través da páxina web.
Suplencia do Regulamento.
Facultade que corresponde ao presidente da Cámara para colmar as lagoas de regulación que poida ter o Regulamento. No Senado exércea de acordo coa Mesa da Comisión de Regulamento.
Suplicatorio.
Instrumento procesual a través do cal a Sala do Penal do Tribunal Supremo solicita á Cámara autorización para proceder penalmente contra un dos seus membros. A necesidade de autorización forma parte da denominada inmunidade parlamentaria e permite á Cámara comprobar, sen entrar a xulgar o fondo do asunto –a comisión ou non dun delito-, se tras a acusación contra un parlamentario se oculta unha persecución política.
Toma en consideración.
Na fase inicial do procedemento lexislativo e para perfeccionar a iniciativa lexislativa cando a proposta proveña dos propios parlamentarios, dos grupos parlamentarios, dos parlamentos autonómicos ou se trate dunha iniciativa lexislativa popular (artigo 87.2 e 3 da Constitución) é preciso que o Pleno do Senado (cando se trate de propostas de senadores ou dos grupos parlamentarios da Cámara) ou o Pleno do Congreso dos Deputados (nos demais supostos) fagan súa esta proposta mediante un debate de totalidade e a subseguinte votación que require de maioría simple.
Tribuna de oradores.
Plataforma elevada e con atril dende a que os parlamentarios se dirixen á Cámara nos debates parlamentarios.
Unión Interparlamentaria (UIP).
Organización internacional dos parlamentos dos estados soberanos creada en 1889. Este foro de diálogo de ámbito mundial traballa pola paz e a cooperación entre os pobos e pola consolidación da democracia representativa, apoiando os esforzos das Nacións Unidas, cuxos obxectivos comparte, e coa que traballa en estreita cooperación. A páxina web e as publicacións da UIP son unha recoñecida fonte de información sobre temas parlamentarios.
Urxencia.
A declaración de urxencia no procedemento lexislativo supón o acurtamento dos prazos establecidos con carácter ordinario para cada unha das súas fases. A declaración de urxencia pode partir do Goberno, do Congreso dos Deputados ou do propio Senado. (Véxase “Procedemento de urxencia”).
Uso das linguas cooficiais das Comunidades Autónomas.
O Regulamento do Senado regula a utilización das linguas cooficiais na Cámara. Ademais do castelán é posible utilizar nalgúns debates e publicacións as linguas cooficiais recoñecidas polos estatutos de autonomía das súas respectivas comunidades autónomas. Así sucede na primeira intervención do presidente do Senado ante o Pleno da Cámara; nas intervencións que se produzan nas sesións da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas; nas intervencións que teñan lugar no Pleno con ocasión do debate das mocións; na publicación de iniciativas cando sexan presentadas, ademais de en castelán, en calquera outra das citadas linguas oficiais; na presentación de escritos no Rexistro da Cámara por parte dos senadores e nos escritos que os cidadáns e as institucións dirixan ao Senado.
Veto.
Rexeitamento do Senado ao proxecto ou proposición de lei que lle foi remitido, despois da súa tramitación, polo Congreso dos Deputados, que require a aprobación por maioría absoluta dos senadores. Para superar este veto, o Congreso dos Deputados terá que ratificar por idéntica maioría absoluta o texto que remitido, ou por maioría simple se transcorreron dous meses dende a interposición do mesmo.
Viaxe oficial.
Desprazamento realizado por un parlamentario, unha delegación parlamentaria ou un órgano da Cámara para atender convocatorias de actos e reunións de carácter oficial, xa sexa de carácter nacional ou internacional.
Vicepresidencia do Senado.
Membro da Mesa do Senado elixido na sesión constitutiva da Cámara entre os seus membros. Os vicepresidentes, pola súa orden, substitúen ao presidente, exercendo as súas funcións en caso de vacante, ausencia ou imposibilidade deste. Desempeñan ademais calquera outras funcións que lles encomende o presidente ou a Mesa. (Véxase “Mesa do Senado”).
Visita oficial.
Visita realizada á Cámara por parlamentarios, delegación ou autoridades doutros países, no marco de actos e reunións de carácter público e oficial.
Votación.
Procedemento a través do cal os órganos colexiados adoptan as súas decisións. No caso do Parlamento, o seu carácter de órgano deliberante fai que normalmente vaia precedida dun debate sobre a cuestión que será sometida a votación. Existen varios sistemas de votación: por asentimento, ordinaria, nominal, que pode ser pública ou secreta, e esta, á súa vez, por papeletas ou por bólas brancas e negras.
Votación por asentimento.
Procedemento polo cal se entende aprobada unha proposta se, unha vez enunciada polo presidente da sesión, non suscita oposición dos parlamentarios asistentes.
Votación nominal.
Procedemento de votación no que queda constancia da relación nominal de votantes. Pode ser pública ou secreta. No Senado, na votación nominal pública, un secretario vai chamando, por orde alfabética, a cada un dos membros da Cámara, que deberán responder se votan “si”, “non” ou se absteñen. A votación nominal pública tamén pode realizarse mediante procedemento electrónico. Na votación nominal secreta, que pode levarse a cabo por papeletas ou polo sistema de bolas brancas e bolas negras, un secretario vai chamando, por orde alfabética, a cada un dos membros da Cámara, que deberá depositar a papeleta ou a bola no lugar correspondente.
Voto.
Dereito do parlamentario a expresar a súa vontade sobre calquera asunto que sexa sometido a votación na Cámara ou na comisión da que forme parte. Pode ser afirmativo ou negativo e cabe a abstención. É un dereito persoal indelegable.
Voto particular.
Proposta a través da cal os parlamentarios ou grupos parlamentarios manifestan a súa intención de defender no Pleno as emendas a un proxecto ou proposición de lei que, sendo defendidas en comisión, non foron incorporadas ao ditame aprobado por esta.
Voto ponderado.
Votación na que un parlamentario, normalmente o portavoz dun grupo parlamentario, emite tantos votos como escanos ten o citado grupo.
Xunta de Portavoces.
Órgano integrado polo presidente da Cámara e polos portavoces dos grupos parlamentarios. Ás súas reunións, ademais dos portavoces, poderá asistir un representante do Goberno.
No Senado a Xunta de Portavoces debe ser oída para a fixación da orde do día das sesións plenarias, que é determinado polo presidente, de acordo coa Mesa; é oída con motivo de diversas iniciativas parlamentarias e respecto de asuntos relacionados coa organización interna da Cámara, cuxa resolución corresponde en xeral á Mesa ou á Presidencia. Ademais, na práctica, converteuse nun foro onde, baixo a autoridade do presidente do Senado, fanse suxestións e observacións sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento e actividade da Cámara.