ACTIVIDADE PARLAMENTARIA

Última revisión 14/03/2024

Cales son as principais funcións do Senado?

As principais funcións do Senado son a lexislativa, a orzamentaria e a de control do Goberno. Ademais actúa como Cámara de representación territorial. Outras funcións relevantes son as relacionadas coa autorización de determinados tratados ou convenios internacionais e coa designación de membros doutros órganos.

Cales son as fases do procedemento lexislativo no Senado?

O procedemento lexislativo é a sucesión de actos parlamentarios necesarios para que a Cámara aprobe unha lei. Son elementos necesarios do mesmo a publicidade, a posibilidade de formular emendas (sobre o conxunto ou ao articulado), o debate contraditorio e a votación. Lévase a cabo en diferentes órganos: Ponencia, Comisión e Pleno.

No Senado o procedemento lexislativo desenvólvese no prazo de dous meses, que se reduce a vinte días naturais en caso de urxencia.

O detalle dos distintos tipos de procedementos lexislativos pode consultarse na sección “Temas clave” do bloque “Coñecer o Senado”.

Pódense consultar as leis que se están a tramitar ou que xa foron aprobadas?

Dende a pantalla inicial da páxina web é posible acceder directamente a toda a información relacionada coas leis que se están a tramitar nas Cortes Xerais e as leis que xa foron aprobadas e publicadas no Boletín Oficial do Estado.

No apartado «Leis en tramitación» móstrase a relación de todas as iniciativas lexislativas que tiveron entrada no Senado e que todavía non foron obxecto de publicación no BOE.  Así mesmo, habilítase unha ligazón á páxina do Congreso dos Deputados para consultar as que se presentaron nesa Cámara e se atopen aínda no trámite de primeira lectura.

Dende o título da iniciativa accédese a unha pantalla que amosa todos os documentos e publicacións oficiais asociados á tramitación, tanto no seu paso polo Congreso como polo Senado, así como ao detalle das sesións nas que se debateron, incluído o vídeo da sesión.

No apartado “Leis aprobadas” amósanse as xa publicadas no BOE ordenadas da máis recente á máis antiga e inclúese un buscador por texto libre. Dende cada unha das leis pódese consultar a tramitación completa da iniciativa, así como a publicación da norma mediante unha ligazón á páxina web do Boletín Oficial do Estado.

Que ocorre coas emendas e vetos aprobados polo Senado?

O Senado pode aprobar emendas (adicións, supresións ou modificacións concretas do texto tramitado) ou vetos (que implican un rexeitamento da totalidade). As primeiras requiren maioría simple de votos, os segundos maioría absoluta.

As emendas ou vetos aprobados polo Senado remitiranse ao Congreso dos Deputados en cuxo Pleno someteranse a debate e votación. As emendas do Senado incorpóranse ao texto definitivo da lei se o Congreso as ratifica por maioría simple. Os vetos do Senado poden ser levantados polo Congreso se o decide unha maioría absoluta dentro dos dous meses seguintes ou unha maioría simple unha vez transcorrido este prazo.

Que ocorre se o Senado non aproba emendas ou vetos?

Se o Senado non aproba emendas ou vetos o proxecto queda definitivamente aprobado como lei. Trasládase entón ao Goberno a efectos da súa sanción e promulgación polo Rei e publicación subseguinte no Boletín Oficial do Estado.

Que é a función orzamentaria? Como se tramitan os Orzamentos Xerais do Estado?

A función orzamentaria consiste na aprobación dos ingresos e gastos do Estado para un ano determinado. A iso engádese o control posterior da súa execución.

A súa elaboración e presentación é atribución exclusiva do Goberno. Porén, é competencia das Cortes Xerais o seu exame, emenda e aprobación. As facultades de emenda están sometidas a estritos requisitos. Se os Orzamentos Xerais do Estado non se aproban antes do 1 de xaneiro de cada ano, considéranse prorrogados os do ano anterior.

En que consiste a función de control e impulso político? A través de que procedementos se exerce?

A función de control e impulso político consiste en obter información do Goberno, someter a debate contraditorio a súa actuación e instarlle a orientar a súa política nunha determinada liña. No Senado as iniciativas parlamentarias a través das que se articula esta función son as preguntas, as interpelacións, as mocións, as mocións consecuencia de interpelación, os debates sobre as comunicacións e informes remitidos polo Goberno, as comparecencias e as comisións de investigación e especiais.

O Senado non participa nas mocións de censura nin nas cuestións de confianza.

Que tipos de preguntas ao Goberno poden formular os senadores?

As preguntas son iniciativas de control que poden utilizar os parlamentarios para interrogar ao Goberno sobre cuestións da súa competencia. As preguntas deben formularse mediante escrito dirixido ao presidente da Cámara. Poden ser de resposta escrita ou de resposta oral, e esta producirse no Pleno ou en comisión. Non se admiten preguntas de exclusivo interese persoal de quen as formula ou de calquera outra persoa singularizada, nin as que supoñan consulta de índole estritamente xurídica.

Como se tramitan as preguntas para a súa resposta escrita polo Goberno?

As preguntas para a súa resposta escrita polo Goberno, que poden conter máis dunha cuestións, tramítanse na súa integridade por vía electrónica e publícanse na páxina web da Cámara. O Goberno debe remitir a resposta dentro dos trinta días seguintes á súa comunicación. Se o Goberno non fai chegar a resposta dentro deste prazo, o senador interrogante poderá solicitar a inclusión da pregunta na orde do día da sesión seguinte da comisión competente por razón da materia, onde recibirá o tratamento das preguntas orais.

Como se tramitan as preguntas para a súa contestación oral en pleno? e as preguntas para a súa contestación oral en comisión?

As preguntas para contestación oral en Pleno han de conter a concisa e estrita formulación dunha soa cuestión. A inclusión das preguntas na orde do día efectúase mediante a aplicación dun sistema de cota para cada grupo parlamentario. Cabe a posibilidade de substituír as preguntas presentadas por outras relativas a asuntos acordados no Consello de Ministros ou por cuestións de especial urxencia ou actualidade. As preguntas formúlanse dende o escano. En primeiro lugar intervén o parlamentario preguntante, que formula a súa cuestión para ser contestado por un membro do Goberno. A continuación, o parlamentario dispón dunha quenda de réplica e o membro do Goberno dunha quenda de dúplica. No Senado cada un dos intervintes disporá dun tempo de tres minutos en total para facer uso das dúas quendas mencionadas.

As preguntas para a súa contestación oral en comisión deben reunir os mesmos requisitos que as preguntas orais en sesión plenaria, se ben non existen cotas e os tempos de palabra son de maior duración que nas de resposta en pleno. Só poden comparecer para responder este tipo de preguntas os ministros e os secretarios de Estado.

Como se tramita unha interpelación?

A interpelación é a iniciativa en virtude da cal un parlamentario expón unha cuestión ao Goberno cuxo obxecto debe versar sobre a política do Executivo en asuntos de interese xeral. Unha vez cualificadas pola Mesa do Senado, a inclusión na orde do día das interpelacións efectúase, oída a Xunta de Portavoces, de acordo cun sistema de cota para cada grupo parlamentario.

A interpelación formúlase de forma oral polo senador autor da iniciativa e así é tamén respondida por un membro do Goberno. Se o interpelante non queda satisfeito pola resposta do Goberno poderá expor unha moción consecuencia de interpelación, que se debaterá na seguinte sesión plenaria.

Como se tramita unha moción?

Unha moción é unha iniciativa vinculada ao control e impulso político, que se presenta coa finalidade de que o Goberno formule unha declaración sobre algún tema ou remita ás Cortes Xerais un proxecto de lei, ou de que a Cámara delibere e se pronuncie sobre un texto de carácter non lexislativo, debendo ir acompañadas, no seu caso, dunha avaliación do seu custo económico. Poden ser presentadas para que o seu debate se produza nunha sesión plenaria ou nunha comisión. No debate interveñen, ademais do autor da iniciativa, os representantes dos grupos parlamentarios. Son obxecto de votación.

Como se tramita unha comparecencia?

As comisións poden reclamar, por medio do presidente da Cámara, a presenza de membros do Goberno para ser informados sobre asuntos da súa competencia. Normalmente fano a iniciativa dun senador ou dun grupo parlamentario. As comparecencias tamén poden ser solicitadas polo propio Goberno, autorizándoas a Mesa da Comisión. Estas comparecencias regúlanse no artigo 66 do Regulamento do Senado. Ademais, as comisións poden solicitar a presenza doutras autoridades e funcionarios do Estado e das comunidades autónomas, ou doutras persoas, para ser informadas sobre cuestións da súa competencia. No debate interveñen, ademais do autor da iniciativa, os representantes dos grupos parlamentarios.

Que información proporciona o Senado sobre a actividade internacional e institucional?

Dende a pantalla inicial habilítase un acceso directo á actividade internacional do Senado, na que se ofrece información sobre as distintas asembleas e conferencias interparlamentarias, e sobre os grupos de amizade creados con cámaras doutros países cos que o Senado mantén unha especial relación de colaboración.

Por outra parte, a través do calendario de actividades é posible consultar as viaxes e visitas programadas que teñen carácter internacional, así como a actividade institucional. Ambos tipos de actividades destacaranse na zona dedicada ás noticias de actualidade cando sexan de especial relevancia.

Que intervención ten o Senado nos tratados e acordos internacionais?

A Constitución establece nos seus artigos 93, 94 e 96.2 as modalidades de intervención das Cortes Xerais na conclusión e denuncia dos tratados internacionais.

O procedemento seguido cos tratados internacionais segue as mesmas fases básicas que os proxectos e proposicións de lei. A súa presentación corresponde sempre ao Goberno e intervén o Congreso e o Senado.

En primeiro lugar, os tratados que se tramitan ao amparo do artigo 93 da Constitución, aqueles que atribúen a unha organización ou institución internacional o exercicio de competencias derivadas da Constitución (por exemplo, os tratados de adhesión, ampliación ou reforma da Unión Europea) tramítanse polo procedemento das leis orgánicas e, polo tanto, requiren para a súa aprobación a maioría absoluta do Congreso nunha votación sobre a totalidade.

En segundo lugar, un amplo grupo de tratados recollidos polo artigo 94.1 da Constitución requiren tamén a previa autorización das Cortes Xerais, pero expresada sen forma de lei e por maioría simple de cada Cámara, intervindo primeiro o Congreso e logo o Senado. Tal é o caso dos tratados de carácter político, militar, que afecten á integridade territorial do Estado, aos dereitos e deberes fundamentais establecidos no Título I da Constitución, que impliquen obrigas financeiras para a Facenda Pública, ou que supoñan modificación ou derrogación dalgunha lei ou esixan medidas lexislativas para a súa execución.

Concedida a autorización polas dúas cámaras comunícase ao Goberno, que a partir dese momento pode proceder á súa ratificación.

Finalmente, para os restantes tratados, non sometidos a réxime de autorización, a Constitución só esixe que as cámaras sexan informadas da súa conclusión (artigo 94.2 da Constitución e 146 do Regulamento do Senado).

A tramitación da autorización no Senado garda similitude co procedemento lexislativo, con algunhas características singulares. A particularidade máis destacada dos tratados tramitados ao amparo dos artigos 93 e 94.1 é que non son susceptibles de emenda. Unicamente poden presentarse propostas de non ratificación (que se suxeitan ao disposto para as propostas de veto, o que equivale á necesidade de maioría absoluta para a súa aprobación), de aprazamento de ratificación ou de reserva (estas últimas sempre que os tratados prevexan esta posibilidade ou que o seu contido o admita). Se se presentan remítense á Comisión de Asuntos Exteriores que eleva ao Pleno un ditame ou proposta razoada sobre se debe accederse ou non á autorización.

Nos casos en que a decisión do Senado sobre a autorización difira da do Congreso dos Deputados debe constituírse unha Comisión Mixta. O texto que esta elabore someterase directamente ao Pleno, cuxo acordo comunicarase ao Goberno e ao Congreso dos Deputados.

A Cámara, a proposta dun grupo parlamentario ou de vinte e cinco senadores, pode requirir ao Tribunal Constitucional para que declare se un tratado ou convenio sometido á súa consideración é ou non contrario á Constitución. Acordado o requirimento suspéndese a tramitación ata a decisión o Tribunal Constitucional.

Que intervención ten o Senado na designación de membros doutros órganos?

O Senado ten encomendada a función de designar a membros doutros órganos constitucionais do Estado. As propostas de nomeamento, de designación ou de elección de persoas regúlanse nos artigos 184, 185 e 186 do Regulamento do Senado. O Senado, entre outros, propón a designación de catro maxistrados do Tribunal Constitucional, seis vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, e seis conselleiros do Tribunal de Contas, catro membros do Consello de Administración da Corporación RTVE e un membro do Consello Consultivo da Axencia Española de Protección de Datos. Tamén nomea conxuntamente co Congreso dos Deputados ao Defensor do Pobo.

Cales son as publicacións oficiais e onde atopalas?

No ámbito parlamentario son publicacións oficiais o Boletín Oficial das Cortes Xerais (BOCG), que á súa vez ten tres seccións (Cortes Xerais, Congreso dos Deputados e Senado) e os Diarios de Sesións.

O Boletín Oficial das Cortes Xerais –sección Senado- é a publicación oficial en que se reproducen os textos e documentos cuxa difusión sexa requirida por algún precepto do Regulamento da Cámara, sexa necesaria para o seu debido coñecemento e adecuada tramitación parlamentaria, ou sexa ordenada pola Presidencia do Senado. Publícase exclusivamente en formato electrónico a través da web do Senado dende o 1 de xaneiro de 2011 e está estruturado en seis apartados: iniciativas lexislativas, mocións, autorizacións, outras actividades parlamentarias, normas sobre asuntos parlamentarios e administración do Senado.

No Diario de Sesións recóllense as transcricións das sesións do Pleno da Cámara, da Deputación Permanente e das comisións que non teñan carácter secreto. Reproduce as intervencións dos oradores, deixando constancia das incidencias producidas e do resultado das votacións, no seu caso.

As publicacións oficiais do Senado están accesibles dende a pantalla inicial da páxina web do Senado dentro do bloque “Actividade parlamentaria”. Abarcan a actividade da Cámara dende a Lexislatura Constituínte no ano 1977. A páxina web ofrece, en relación co Boletín Oficial das Cortes Xerais, sección Senado, a opción de busca por texto, así como por data a través dun calendario; así mesmo, facilítase a posibilidade de comprobar a autenticidade das copias a través do código de verificación electrónica (CVE). Para acceder ás publicacións oficiais do Congreso dos Deputados e das Cortes Xerais (tamén editadas exclusivamente en formato electrónico dende o 1 de agosto de 2012) facilítase a ligazón á páxina web do Congreso dos Deputados.

Actualmente é posible subscribirse ás publicacións oficiais para as recibir electronicamente a través do enderezo de correo que se facilita, así como descargarlas en formato PDF, XML e EPUB.

As publicacións oficiais do Senado durante o período histórico, que comprende os anos 1834 a 1923, están accesibles dende o apartado “Arquivo. O Senado na Historia”.

Que tipo de traballo se desenvolve no Senado durante os meses de xaneiro, xullo e agosto?

A nosa Constitución de 1978 establece que hai dous períodos ordinarios de sesións, o primeiro de setembro a decembro e o segundo de febreiro a xuño (art.73) aínda que, durante os meses de xaneiro, xullo e agosto, a Cámara continúa coa súa actividade.

Con todo é frecuente que a actividade parlamentaria se prolongue durante eses meses, sendo xa habitual a habilitación de días para a celebración de Plenos extraordinarios, Comisións ou traballo de Relatorios.

Doutra banda, a Administración do Parlamento continúa realizando traballos preparatorios para a próxima sesión.