COMPOSICIÓN DO SENADO

Última revisión 19/01/2021

Como se elixen os senadores?

A maior parte dos senadores (208) elíxense directamente pola poboación, a razón de catro por provincia. Non obstante, nas provincias insulares, cada illa ou agrupación delas constitúe unha circunscrición a efectos de elección, correspondendo elixir tres senadores a cada unha das illas maiores (Gran Canaria, Mallorca e Tenerife) e un a cada unha das restantes illas (Ibiza-Formentera, Menorca, Fuerteventura , Gomera, Hierro, Lanzarote e La Palma). As poboacións de Ceuta e Melilla elixen cada unha delas dous senadores. Os electores poden dar o seu voto a un máximo de tres candidatos nas circunscricións provinciais, dous en Gran Canaria, Mallorca, Tenerife, Ceuta e Melilla e un nas restantes circunscricións insulares. Obteñen escano os que alcancen o maior número de votos.

Cantos membros ten o Senado?

Na XIV Lexislatura o Senado ten 265 membros, dos que 208 son electos e 57 designados polos parlamentos autonómicos.

É fixo o número de senadores?

Non. Pode variar á alza ou á baixa ao cambiar o número de habitantes das distintas comunidades autónomas, xa que os parlamentos autonómicos designan un senador fixo e outro máis por cada millón de habitantes. A variación do número de senadores prodúcese ao principio de cada lexislatura (tras a celebración de eleccións xerais) e tómase como referencia o censo de poboación publicado o 1 de xaneiro do ano en que se celebran as eleccións.

Outra parte dos senadores (57) desígnase polos parlamentos autonómicos en función da súa poboación, a razón dun senador e outro máis por cada millón de habitantes do seu respectivo territorio, debendo asegurar, en todo caso, a adecuada representación proporcional.

Existen cotas por xénero?

Si. A Lei electoral esixe, dende a reforma de 2007, que cando as candidaturas se agrupen en listas –que é o máis normal- as mesmas deberán ter unha composición equilibrada de mulleres e homes.

Na XIV lexislatura hai 106 mulleres senadoras. Esta cifra non supón certamente unha composición equilibrada respecto ao total de membros do Senado (266). A razón deste desfase radica, en gran medida, no sistema electoral do Senado, que dificulta as candidaturas equilibradas, sobre todo en comparación coas do Congreso: os partidos e coalicións adoitan presentar tres candidatos na maioría das circunscricións, co que non pode garantirse máis que unha candidatura a calquera dos sexos. Ademais, o elector pode dar os seus tres votos libremente, polo que a paridade dependerá tamén da súa selección.

Por outra parte, no caso dos senadores designados polos parlamentos autonómicos, a esixencia de distribución proporcional entre os seus grupos parlamentarios tamén dificulta este equilibrio, dado que hai grupos que só poden propoñer un candidato, polo que forzosamente un sexo se queda sen representación por esta vía. Así mesmo o feito de que algunhas comunidades autónomas designen un número reducido e impar de senadores contribúe a este resultado.

Por canto tempo se elixe o Senado?

Por catro anos, pero pode acurtarse este prazo se o presidente do Goberno dispón a disolución anticipada.

Que funcións ten un senador?

Todo senador participa nas funcións do Senado previstas na Constitución e nas leis. As principais son a lexislativa, a orzamentaria e a de control do Goberno.

Que deberes ten un senador?

Os senadores están obrigados a presentar declaración de actividades e declaración de bens patrimoniais e rendas. Así mesmo deben prestar xuramento ou promesa de acatamento da Constitución e respectar o réxime de incompatibilidades. Por outra parte, ten o dereito e o deber de asistir ás sesións plenarias e ás das comisións das que formen parte.

Pódense coñecer as declaracións de actividades dos senadores?

Si. As declaracións de actividades que deben formular os senadores ao inicio do seu mandato, cando se produzan modificacións nas situacións declaradas e ao perder a condición de parlamentarios, poden ser consultadas por calquera cidadán a través da páxina web, ben dende a ficha de cada senador ou ben dende a sección “Transparencia”.

Pódense coñecer as declaracións de bens patrimoniais e renda dos senadores?

Si. As declaracións de bens patrimoniais e rendas que deben formular os senadores poden ser consultadas por calquera cidadán a través da páxina web, ben dende a ficha de cada senador ou ben dende a sección “Transparencia”.

Cal é o réxime de incompatibilidades dun senador?

Para garantir a independencia dos parlamentarios no exercicio das súas funcións, a lexislación electoral establece que determinadas profesións ou cargos públicos non se poden exercer simultaneamente co seu cargo parlamentario. A tal efecto, ao tomar posesión, os parlamentarios deben formular unha declaración de actividades que é ditaminada pola comisión que se ocupa das incompatibilidades. En caso de que se aprecie algunha incompatibilidade o afectado debe optar entre o seu escano e a condición ou posto que determina a incompatibilidade. Así mesmo, están obrigados a comunicar calquera alteración que se produza na súa situación durante a lexislatura.

Que é a inviolabilidade parlamentaria?

É unha prerrogativa da que gozan os parlamentarios en virtude da cal están exentos de responsabilidade polas manifestacións escritas e orais que realicen no transcurso dunha sesión parlamentaria, así como polos votos que poidan emitir nas decisións parlamentarias nas que participen.

Que é a inmunidade parlamentaria?

É unha prerrogativa en virtude da cal os parlamentarios non poden ser inculpados nin procesados sen a previa autorización da Cámara, solicitada mediante suplicatorio. Con esta esixencia a Cámara pode comprobar, sen entrar a xulgar o fondo da cuestión -a comisión ou non dun delito-, se tras a acusación contra un senador ou deputado se oculta unha persecución política. A tal efecto séguese un procedemento no seo da Cámara, con participación do afectado e que termina coa correspondente decisión mediante votación secreta. Esta prerrogativa non se aplica cando se trate dun delito flagrante.

Canto gaña un senador? Cal é o seu réxime de protección social?

Cada senador percibe unha asignación de 2.842,05 € ao mes máis unha indemnización para os gastos que lle orixine a actividade da Cámara de 1.840,60 € (877,78 € para os senadores por Madrid). Ao anterior engádese o complemento por razón do cargo que ostentan e unha serie de prestacións que, ao amparo do Regulamento do Senado, acordou a Mesa do Senado.

A protección social dos senadores comprende o mantemento en alta dos mesmos, a cargo da Cámara, no sistema de Seguridade Social, Clases Pasivas ou Mutualidade obrigatoria ao que pertenza cada un deles.

Unha vez producida a perda do mandato, ten dereito a percibir unha indemnización por cesamento (dado que non ten dereito ao subsidio de desemprego) que é en todo caso incompatible con calquera outra percepción. Ademais, áchanse suspendidas as achegas ao plan de previsión social.

Así mesmo, como consecuencia das últimas modificacións da normativa correspondente, derrogáronse os complementos de pensión (con excepción de quen xa devindicou o dereito a percibilos ao finalizar a IX Lexislatura); o mantemento en alta da Seguridade Social dos ex-parlamentarios maiores de 55 anos e a axuda económica prevista para estes últimos; así como a prestación económica a favor do cónxuxe viúvo.

Na páxina web do Senado publícase a relación de perceptores dos complementos de pensión, axudas e indemnizacións, así como as contías dos mesmos. Así, atópanse permanentemente actualizados os datos relativos ás pensións parlamentarias, ao mantemento en alta na Seguridade Social, á complementación de ingresos, e á indemnización por cesamento.

A información detallada sobre o réxime económico e protección social dos senadores pódese atopar nas seccións “Senadores” (dentro do bloque de “Composición e organización”) e “Transparencia” (dentro do bloque de “Relacións cos cidadáns”). Tamén se ofrecen os conceptos e contías das subvencións aos grupos parlamentarios.

Como atopar información sobre un senador? Que contén o seu perfil?

Na sección “Senadores”, á que se accede directamente dende a pantalla inicial, pódense realizar consultas sobre a composición do Senado, atendendo aos máis diversos criterios: alfabético, xeográfico, pertenza a un grupo parlamentario, composición dos órganos da Cámara e cronolóxico. Dende o nome de cada senador é posible abrir o seu perfil ou ficha persoal.

A estrutura da ficha dun senador presenta unha parte fixa, cos datos esenciais (nome, circunscrición ou designación, data de alta, grupo parlamentario ao que pertence, grupo territorial do que é membro, formación electoral pola que se presentou ás eleccións e pertenza a un partido político) e coas canles de participación cos cidadáns que o propio senador indicou (correo, perfís en redes sociais e páxinas persoais ou blogs).

resto da información na ficha do senador amósase activando as seguintes pestanas: “Cargos no Senado”, “Actividade parlamentaria” (que inclúe as iniciativas das que é autor), “Biografía”, “Declaración de actividades”, “Declaración de bens patrimoniais e rendas” e, no seu caso, “Outras lexislaturas no Senado”.

Como contactar cun senador?

Un cidadán pode entrar directamente en contacto cun senador a través do correo electrónico, dos mecanismos de participación e das redes sociais, accedendo ben dende a ficha do Senador, ben dende a sección “Participa” da zona da páxina web dedicada ás relacións cos cidadáns.

Que información se ofrece sobre os distintos órganos reitores do Senado?

Son varias as zonas da páxina web dende as que se pode consultar información relativa aos órganos reitores do Senado: Presidentes, Mesa e Xunta de Portavoces.

A través do calendario de actividades pódese acceder ás convocatorias e axendas de todos os órganos.

Por outra parte, dende a sección dedicada aos órganos do Senado, cada un deles ten o seu propio espazo no que se pode consultar a súa composición, actual e pasada, e obter información sobre o seu funcionamento e funcións.

Desenvolveuse un sitio dedicado ao presidente dende o que se informa sobre a súa axenda, actividades, biografía e funcións. Os anteriores presidentes tamén están presentes nesta zona da páxina a través da galería de retratos e ligazóns ás súas fichas con información biográfica e de actividade.

Que funcións ten un presidente do Senado?

Entre as funcións do presidente do Senado destacan as seguintes: exercer a máxima representación do Senado, convocar as sesións plenarias e presidilas, dirixir os seus debates, manter a orde, podendo impor sancións e, finalmente, interpretar o Regulamento da Cámara. Preside a Mesa, a Xunta de Portavoces e a Comisión de Nomeamentos.

Que é a Mesa do Senado? Cales son as súas funcións?

A Mesa é o órgano reitor da Cámara composto polo presidente, dous vicepresidentes e catro secretarios. A súa elección para cada lexislatura ten lugar na sesión constitutiva da Cámara. As súas competencias máis importantes son de carácter parlamentario e administrativo.

Cualifica os escritos e documentos de índole parlamentaria, declara a súa admisión ou non admisión e decide o procedemento de tramitación das distintas iniciativas; así mesmo, programa as liñas xerais de actuación da Cámara, fixa o calendario de reunións do pleno para cada período de sesións e coordina os traballos dos distintos órganos do Senado, previa audiencia da Xunta de Portavoces. De acordo co presidente e oída a Xunta de Portavoces, a Mesa fixa a orde do día das sesións plenarias.

No exercicio das súas funcións administrativas a Mesa adopta cantas decisións e medidas requiran a organización do traballo e o réxime interior da Cámara, así como aquelas que sexan necesarias en materia de contratación e de réxime laboral, e aproba o proxecto de orzamento do Senado para cada exercicio económico, dirixe a súa execución e ordena os gastos.

Que é a Xunta de Portavoces? Cales son as súas funcións?

A Xunta de Portavoces é un órgano integrado polo presidente da Cámara e polos portavoces dos grupos parlamentarios. Ás súas reunións, ademais dos portavoces, poderá asistir un representante do Goberno.

No Senado a Xunta de Portavoces debe ser oída para a fixación da orde do día das sesións plenarias, que é determinado polo presidente, de acordo coa Mesa; é oída con motivo de diversas iniciativas parlamentarias e respecto de asuntos relacionados coa organización interna da Cámara, cuxa resolución corresponde en xeral á Mesa ou á Presidencia. Ademais, na práctica, converteuse nun foro onde, baixo a autoridade do presidente do Senado, fanse suxestións e observacións sobre calquera aspecto relacionado co funcionamento e actividade da Cámara.

Que é o Pleno? Cales son as súas funcións?

Pleno é o órgano funcional da Cámara formado por todos os seus parlamentarios. O Pleno coñece dos asuntos máis relevantes e na maioría dos casos ten a última palabra no debate e aprobación das iniciativas que lle son sometidas polas comisións para a súa consideración.

Entre as principais funcións do Pleno destacan as seguintes: aprobar vetos e emendas presentados no Senado respecto aos proxectos e proposicións de lei recibidos do Congreso, entre eles o proxecto de lei de orzamentos xerais do Estado; autorizar a ratificación de tratados e convenios internacionais; aprobar mocións; debater preguntas e interpelacións e elixir aos membros de órganos constitucionais, como o Tribunal Constitucional, o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Tribunal de Contas e o Defensor do Pobo.

Cando se reúne o Pleno?

Pleno reúnese habitualmente dúas semanas de cada mes, os martes e os mércores e ás veces os xoves, conforme a un calendario e orde do día previamente establecido.

Que é a Deputación Permanente?

A Deputación Permanente é o órgano encargado de convocar sesións extraordinarias e de velar polos poderes da Cámara cando non estea reunida ou cando a mesma esgotou o seu mandato ou se disolva e ata que se constitúa a nova Cámara. Presídea o presidente da Cámara e intégrana un mínimo de 21 parlamentarios elixidos polos grupos parlamentarios en proporción á súa importancia numérica. Constitúese ao principio da lexislatura.

Que é unha comisión? Que tipos existen e cales son as súas funcións?

Unha comisión é un órgano parlamentario funcional, composto por un número reducido de membros da Cámara en proporción ao peso numérico do seu grupo na mesma, competente para determinadas materias, e que actúa en ocasións como órgano preparatorio da actividade do Pleno e noutros casos como órgano con competencias propias. Existen varios tipos de comisións: permanentes (lexislativas e non lexislativas); de investigación, especiais, e comisións mixtas (Congreso dos Deputados-Senado). Son competencias destacadas das comisións ditaminar textos lexislativos e celebrar sesións informativas con membros do Goberno, autoridades, funcionarios e outras personalidades, así como tramitar preguntas orais e mocións.

Cantos membros ten unha comisión?

As comisións non teñen un número igual de membros. A regra xeral na actual lexislatura é 29, número válido para a inmensa maioría de comisións permanentes lexislativas que se fixa ao inicio da lexislatura. Estes membros distribúense proporcionalmente entre os diversos grupos parlamentarios. Outras comisións, como a de Comunidades Autónomas e as Mixtas, poden ter máis membros, e outras, como a de Nomeamentos, menos.

Que é un grupo parlamentario?

O grupo parlamentario é unha agrupación de parlamentarios en función da súa adscrición política. Constitúense nas cámaras ao inicio de cada lexislatura.

No caso do Senado, cada grupo parlamentario estará composto, polo menos, de dez senadores. Ningún senador poderá formar parte de máis dun grupo parlamentario. Os senadores que concorresen ás eleccións formando parte dun mesmo partido, federación, coalición ou agrupación non poderán formar máis dun grupo parlamentario. Os senadores que non se incorporen a un grupo parlamentario de denominación específica pasarán a integrar o Grupo Mixto.

Que funcións ten un grupo parlamentario?

O grupo parlamentario desempeña un papel decisivo na vida parlamentaria: é o titular do exercicio de diversas iniciativas, como as proposicións de lei e mocións; nos debates e deliberacións participa nas quendas reservadas aos grupos parlamentarios mediante o senador que libremente designa; desenvolve un labor de coordinación, reparto de funcións e disciplina de voto en relación cos seus membros; o seu portavoz participa na Xunta de Portavoces.

Que información se ofrece sobre os grupos parlamentarios?

Os grupos parlamentarios e os partidos políticos, contan cun espazo na páxina web dende o que se ofrece información sobre a súa composición e actividade e dende o que se abren canles de comunicación e participación cos cidadáns, pois póñense á súa disposición os seus correos e perfís en redes sociais.

Cantos grupos parlamentarios hai no Senado?

Na XIV lexislatura hai 8 grupos parlamentarios:  Grupo Parlamentario Socialista, Grupo Parlamentario Popular en el Senado, Grupo Parlamentario de Esquerra Republicana - Euskal Herria Bildu, Grupo Parlamentario Vasco en el Senado (EAJ-PNV), Grupo Parlamentario de Ciudadanos, Grupo Parlamentario de Izquierda Confederal (Adelante Andalucía, Més per Mallorca, Más Madrid, Compromís, Geroa Bai y Catalunya en Comú Podem), Grupo Parlamentario Nacionalista en el Senado Junts per Catalunya - Coalición Canaria/Partido Nacionalista Canario y Grupo Parlamentario Mixto.

Que datos ofrece o Senado sobre a súa administración?

A páxina web contén información sobre a organización da súa administración, sobre a selección do seu persoal e sobre aspectos económicos e de contratación. En concreto, facilita as seguintes informacións:

  • En materia de organización é posible acceder ás normas que regulan o funcionamento da Secretaría Xeral, as súas funcións, os tipos de persoal que traballan nela, o persoal orgánico e o organigrama.
  • No ámbito da selección do persoal publícanse todas as convocatorias de persoal funcionario e laboral, ofrecendo ao mesmo tempo información sobre as funcións de cada corpo ou grupo profesional e os requisitos que se esixen para participar nos procesos. Esta información complétase coa relativa á actividade de formación que se desenvolve no Senado.
  • Por último, publícanse as normas económicas e de contratación e, na sección dedicada ao perfil do contratante, toda a información das licitacións convocadas e adxudicadas.

Que é a Secretaría Xeral do Senado?

A Secretaría Xeral é o conxunto de servizos administrativos que constitúen a administración do Senado. Está configurada con criterios de estrita legalidade, imparcialidade e profesionalidade. Presta os servizos necesarios para que a Cámara poida desempeñar as súas funcións constitucionais. Réxese polas normas aprobadas pola Mesa do Senado, á que está sometida en todo momento, e polo Estatuto do Persoal das Cortes Xerais. Ten á súa fronte ao letrado maior ou secretario xeral, designado pola Mesa do Senado, a proposta do presidente, entre funcionarios do corpo de letrados das Cortes Xerais, do que depende o persoal da Secretaría Xeral, integrada por funcionarios das Cortes Xerais, contratados laborais do Senado e persoal adscrito.